Monday 29 de April de 2024

A Xunta presenta en Fitur a oferta turística de natureza do xeodestino Ferrolterra-Rías Altas


• A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a colaboración do Goberno galego para dar a coñecer os recursos desta zona, que permiten ofrecer un turismo de calidade e dar resposta á demanda dos viaxeiros que están a buscar destinos sen masificacións e en contacto coa natureza

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou está mañá nunha das presentacións da programación de Galicia nesta edición da Feira Internacional de Turismo (Fitur) destinada a dar a coñecer os recursos do xeodestino Ferrolterra-Rías Altas, do que destacou a súa oferta baseada na natureza.

Neste senso, apuntou que este xeodestino conta con tódalas condicións para captar un turismo de calidade e aos turistas que, neste escenario postpandemia, buscan viaxar a zonas tranquilas e non masificadas en espazos abertos e en contacto coa natureza e puxo como exemplos as praias de Valdoviño onde se celebra o maior evento de surf de España
–a Abanca Pantin Classic Pro-, os acantilados da costa ártabra, ou as paisaxes que atravesa o Camiño Inglés ou o Camiño ao santuario de Santo Andrés de Teixido.

Na presentación Os Camiños a San Andrés de Teixido e a oferta de turismo de natureza en Ferrolterra-Rías Altas, organizada pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, incidiu en que os xeodestinos son unha peza fundamental, xa que permiten a colaboración cos concellos que os conforman para desenvolver o potencial dos recursos turísticos de cada territorio.

En relación co Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas lembrou que a Xunta leva aportados 334.000 nos últimos anos para potenciar esta zona no marco dos convenios coa mancomunidade. No acordo deste ano, o Goberno galego achega 93.000 euros para poñer en valor recursos e produtos turísticos innovadores como o turismo slow, no que este xeodestino é pioneiro e cobrou maior valor na situación actual marcada pola covid-19; o patrimonio indiano como eixo da oferta cultural para potenciar o turismo familiar; así como o Camiño a Santo Andrés de Teixido, un dos santuarios máis venerados de Galicia.
Por outra parte, participou na presentación Ortegal: Descubrindo o turismo xeolóxico organizado pola Deputación da Coruña, na que se presentou a proposta do xeoparque do cabo Ortegal como xeoparque ao Patrimonio Mundial da UNESCO, que apoia a Xunta.
O reto da Xunta é seguir reforzando a imaxe de que Galicia é un destino seguro. Coa posta en marcha do seguro coronavirus, que conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros, o obxectivo é que os viaxeiros que se acheguen á nosa comunidade se sintan seguros coa cobertura dos seus gastos sanitarios, de aloxamento ou transporte ante un posible contaxio.

O seguro coronavirus busca tamén a recuperación do sector turístico e súa posta en marcha é tamén unha medida de apoio ás axencias de viaxes e ás empresas do sector, que poderán ofertar Galicia como destino seguro aos seus clientes.

Ademais, o Goberno galego ten en marcha iniciativas de fomento do consumo interno como a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia, que tivo unha gran acollida ao esgotarse as tarxetas en só 12 horas, xunto coa reactivación do programa Elixe Galicia. Entre ambas iniciativas a Xunta prevé inxectar 10 millóns de euros no sector turístico para axudarlle na súa reactivación.